Saturday 18 de May de 2024

A Fundación Cela, xunto con ámbito cultural de ‘El Corte Inglés’, convoca unha edición especial do seu concurso internacional de microrrelatos


Nesta V edición, conmemorativa do Centenario do nacemento do escritor padronés, homenaxearase ao libro de memorias infantís do escritor ‘A rosa’ e contará cunha maior dotación en premios

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela continúa cos actos programados para a conmemoración do Centenario do nacemento do premio Nobel galego coa convocatoria da V edición do seu concurso internacional de microrrelatos nas categorías de infantil, xuvenil e adultos.

Esta V edición volve a contar co patrocinio de Ámbito Cultural de “El Corte Inglés” quen, por mor desta edición especial, amplía a dotación dos premios en cada categoría. Os traballos premiados serán publicados en edición dixital pola Fundación Pública Gallega Camilo José Cela e o primeiro premio de cada categoría será obsequiado cunha tableta dixital e unha tarxeta regalo de El Corte Inglés por valor de 300 €.

Todos os microrrelatos deberanse presentar a través da plataforma web do concurso www.microrrelatosfcjc.com e deberán comezar co arranque do libro de memorias infantís ‘A rosa’ -na que o escritor narra as súas primeiras vivencias polas terras de Iria, Vilagarcía, A Coruña, Cangas,Tui e Vigo-: “Mi padre se llama como yo, y yo me llamo como mi hijo…”.

Establécense tres premios por categoría e unha Mención especial do Público tamén por cada categoría. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro 13 de marzo de 2016 e pódense consultar as bases e o resto de premios por cada categoría na propia web do concurso.